Wednesday 08 de May de 2024

O Fórum Metropolitano acolle a última semana do ciclo ‘O teatro levado ao cinema’ coas proxeccións de ‘Le prénom’, gañadora de dous premios César


As salas Fernando Rey e Marilyn Monroe abrirán as súas portas de xoves a sábado ofertando á cidadanía dúas comedias producidas no país galo

O Concello da Coruña, a través do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), impulsa esta semana novas sesións cinematográficas nas salas Fernando Rey e Marilyn Monroe do Fórum Metropolitano.

O ciclo ‘O teatro levado ao cinema’, que comezou a inicios deste mes de febreiro, chega á súa última semana na sala Fernando Rey. Será de xoves a sábado, os días 24, 25 e 26, coas proxeccións do filme francés ‘Le prénom’ (2012), unha comedia dirixida por Alexandre de La Patellière e Matthieu Delaporte, protagonizada por Patrick Bruel e Valérie Benguigui.

‘Le prénom’ céntrase na historia de Vincent, que entrando nos corenta vai ser pai por vez primeira. Convidado a cear na casa de Élizabeth e Pierre, a súa irmá e o seu marido, atópase con Claude, un amigo da nenez. Mentres agardan a Anna, a esposa de Vincent, todos lle fan preguntas sobre a súa futura paternidade nun contexto de bo humor. Porén, cuando sae a cuestión de se xa elixiu o nome do neno que está en camiño, a resposta de Vincent, sorprendente, provoca un caos xeral. A longametraxe, nominada a cinco premios César e gañadora de dous (Mellor Actor Secundario e Mellor Actriz Secundaria), é apta para o público xeral. As sesións de ‘Le prénom’ están previstas para o xoves 24 (20.00 horas), venres 25 (20.00 horas) e sábado 26 (17.30 e 20.00 horas).

Última semana do ciclo de cinema francés ‘C’est la vie’ no Fórum Metropolitano En paralelo, a sala Marilyn Monroe abrirá as portas, tamén entre xoves e sábado, para a proxección da película ‘Os casos de Victoria’ (2016), encadrada no ciclo de cinema francés ‘C’est la vie’ que comezou a inicios de mes no Fórum Metropolitano.